Ponse en marcha Como cho digo ;-), para a visibilización do uso do galego na comunicación

Nova do 22 de Marzo de 2014

Hai moitas máis persoas e entidades que usan normalmente o galego, do que os medios reflicten. Por iso se pon en marcha esta campaña, Como cho digo ;-), para visibilizar o uso do galego na comunicación. Para que se vexa a lingua galega nos medios.

O que se quere facer con esta campaña impulsada desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é dicir que nos gustaría que o galego se vise máis nos medios de comunicación e que, polo tanto, que estes o usen, cando menos, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para reflectir as declaracións cando se fan en lingua galega, para crear informacións a partir de notas e comunicados redactados na nosa lingua, etc.

E é que cada día son moitas as entidades, asociacións, concellos, etc., que envían notas de prensa en galego, que organizan conferencias de prensa nas que se usa a nosa lingua, que desenvolven actos, etc., e que despois son traducidos nos medios, son comunicados na prensa noutra lingua. E o mesmo acontece con moitas persoas que fan declaracións, conceden entrevistas, etc.

Así convidamos a que o que se di ou acontece en galego, sexa transmitido nos medios nesta mesma lingua. E convidamos tamén ás persoas e entidades que teñen presenza pública e que estean de acordo con isto, a que se sumen a Como cho digo ;-).

De inicio xa o fixeron moitas e de todos os ámbitos, como o deporte, a música, a universidade, os movementos sociais, a literatura, a televisión, o teatro, etc.

Nas vindeiras semanas e meses iranse desenvolvendo, a través de servizos de normalización lingüística e de entidades varias, actos en diversos puntos do país para visibilizar a campaña e as novas adhesións.

Como cho digo ;-)