Proposta a entidades para a participación na campaña Como cho digo ;-)

Nova do 8 de Maio de 2014

Para intentar conseguir que o que acontece en galego, sexa transmitido nos medios de comunicación de aquí tamén en galego, cómpre que o pida moita xente. E tamén todas as entidades que así o queren. Por iso, propomos a participación nesta campaña de todas aquelas entidades que queiran, apoiándoa e difundíndoa e visibilizándoa en actos públicos por todo o país.

 

Que é Como cho digo ;-)?

 

Hai moitas máis persoas e entidades que usan normalmente o galego, do que os medios de comunicación reflicten. Por iso se puxo en marcha esta campaña, Como cho digo ;-), para visibilizar o uso do galego na comunicación.

O que se quere facer con esta campaña impulsada desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é dicir que nos gustaría que o galego se vise máis na prensa e que, polo tanto, que esta o use, cando menos, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para reflectir as declaracións cando se fan en lingua galega, para crear informacións a partir de notas e comunicados redactados na nosa lingua, etc.

E é que cada día son moitas as entidades, asociacións, concellos, etc., que envían notas de prensa en galego, que organizan conferencias de prensa nas que se usa a nosa lingua, que desenvolven actos, etc., e que despois son traducidos nos medios, son comunicados na prensa noutra lingua. E o mesmo acontece con moitas persoas que fan declaracións.

Así, con Como cho digo ;-) convídase a que o que se di ou acontece en galego, sexa transmitido nos medios nesta mesma lingua. E convídase tamén ás persoas e entidades que teñen presenza pública e que estean de acordo con isto, a que se sumen a Como cho digo ;-), participando na campaña.

 

Que propomos que se faga?

 

Propomos, en primeiro lugar, que as entidades que queiran tamén se sumen á campaña, que apoien a declaración de Como cho digo ;-) e que a fagan pública, que lla envíen as medios de comunicación. Se é un concello, universidade ou entidade pública, o ideal é que se aprobe o apoio e a declaración na súa Xunta de Goberno ou no órgano correspondente, e que despois lla remita aos medios de comunicación.

E, ademais de sumarse á campaña deste xeito, propomos tamén que se organice un acto de apoio e difusión de carácter local, comarcal ou sectorial, que sirva para difundir e visibilizar a campaña e tamén para que nese acto se sumen a ela novas persoas e entidades sociais relevantes e/ou de presenza pública no ámbito (asociacións de todo tipo; deportistas; creadores/as; políticos/as dos distintos partidos; responsables de entidades sociais, empresariais, culturais, deportivas, etc.).

 

Quen propomos que organice ese acto?

 

Propomos que eses actos de apoio, visibilización e difusión local ou comarcal sexan organizados preferentemente polos servizos de normalización lingüística (SNL), e que neles colaboren e participen todas aquelas persoas e entidades da zona ou do ámbito que se sumen a Como cho digo ;-)

Se nunha localidade ou zona non hai SNL ou o concello non quere participar, pois animamos a que se impulse a acción e a organización do acto desde entidades sociais ou culturais, procurando implicar ao maior número de persoas e asociacións.

 

Que hai que facer para organizar un acto de Como cho digo ;-)?

 

En primeiro lugar, o concello ou entidade debe estar de acordo con apoiar a campaña e o servizo de normalización lingüística (SNL), de ser o caso, debe propor unha data para a realización do acto, que se lle debe comunicar á CTNL para, por un lado, procurar establecer un calendario xeral e, por outro, para ver ser alguén da CTNL pode participar nese acto. O contacto coa CTNL faise a través do correo electrónico info@ctnl.org. No caso doutras entidades, o procedemento é o mesmo.

Unha vez confirmada a data, o SNL, ou entidade que organice, debe procurar implicar na acción a cantas máis persoas e entidades con presenza nos medios de comunicación mellor, procurando que sexa un acto e un apoio amplo e plural.

Así, nese acto público o ideal é que participen e se sumen á campaña, cando menos, unhas 15 ou 20 persoas da vila, comarca ou ámbito con certa presenza nos medios de comunicación, e unhas 5 ou 10 entidades sociais.

Tamén pode ser interesante que nese acto haxa algunha pequena actuación.

 

Como pode ser, en xeral, a organización e desenvolvemento dese acto?

 

Unha proposta de esquema xeral para o acto pode ser:

  • Benvida e explicación xeral da campaña. Pode ser por alguén da entidade organizadora ou un presentador ou presentadora [5 ou 10 min]
  • Proxección do vídeo xeral de Como cho digo ;-) [6 min]
  • Explicación dos obxectivos da campaña, de como sumarse a través do web, e que facer coa declaración creada. Podería ser alguén do SNL, dunha entidade ou da CTNL [5 min]
  • Intervencións breves dalgunhas das persoas e entidades locais/comarcais que se suman á campaña, e presentación de todas as persoas e entidades locais/comarcais que se suman [15 ou 20 m]
  • Breve actuación de peche (musical, de narración oral, etc.) [10 ou 15 m]

Esta é simplemente unha proposta xeral, que pode ser adaptada a cada caso.

 

Algúns materiais de Como cho digo ;-) cos que se pode contar para o acto

 

A CTNL dispón dun roll up que se podería usar no acto, sempre que a entidade se encargue da recollida e transporte no lugar no que estea e da súa devolución. Tamén se pode proxectar a imaxe xeral da campaña, o web e o vídeo xeral.

Ademais, pódese contar con algúns materiais para repartir no acto ás persoas participantes, xornalistas, entidades, etc., ou para distribuír entre asociacións locais, persoas interesadas, etc., e que son unha maneira de visibilizar e seguir a difundir a campaña máis aló do acto. Estes materiais son chapas e cadernos con bolígrafo. O seu custo é:

  • Chapas: cada lote de 25 = 12,40 € + 21% de IVE = 15 € (IVE incluído) + gastos de envío
  • Cadernos con bolígrafo: cada lote de 25 = 47,93 € + 21% de IVE = 58 € (IVE incluído) + gastos de envío

De estardes interesados/as en adquirir chapas e cadernos de Como cho digo ;-), garantímosche o seu fornecemento se os solicitades ata o 4 de xuño (se se fai máis tarde, dependerá das existencias e do número solicitado). Podes solicitar o material enviando un correo a fabaloba@fabaloba.com. Será a empresa Fabaloba a encargada de fornecelo e facturalo.

 

Máis información e confirmacións

 

Se tedes algunha dúbida, se necesitades máis información ou se queredes organizar un acto de apoio, difusión e visibilización de Como cho digo ;-), podedes contactar coa CTNL a través do correo electrónico info@ctnl.org.